6/3/09
Cubertas vexetais
Publicado por
Francisco Romar
Países como Alemaña ou Francia xa recorren a esta modalidade que ademais de outorgar un valor estético, engade multitude de vantaxes ambientais. Crear un xardín vertical consiste en tapizar muros e tellados con plantas que medran sen ningún tipo de chan, como fan as epífitas tipo musgos, líquenes, orquídeas, fieitos e bromelias, tamén chamadas plantas aéreas que usan de soporte a outras especies en lugar de enraizar no chan. Estes espazos son lixeiros de peso e poden instalarse no exterior de edificios e en diferentes climas, creando así superficies vexetais que serven de filtros de aire e reguladores térmicos, reducindo ata 8 grados a temperatura exterior e ata 10 decibelios a contaminación acústica.
Os xardíns verticais en tellados coñécense desde hai anos e son solucións á contaminación atmosférica en cidades. Os primeiros exemplos apareceron en Alemaña, e actualmente máis de cen concellos dese país ofrecen incentivos para a construción de cubertas ecolóxicas. Nestes espazos caben hortos urbanos ou simplemente especies apropiadas de vexetación. Se o seu uso non se estendeu máis é debido ao problema que ás veces se xera cando a planta enraíza no muro ou no tellado, socavándoos e mesmo destruíndoos. Resolta a cuestión dunha correcta impermeabilización empezanse a ver exemplos viables como a obra de Patrick Blanc, botánico e arquitecto que, imitando a natureza, deseña muros vexetais con plantas moi lixeiras, alimentadas automaticamente con auga e nutrintes como vía para que a planta non busque o seu alimento profundando coas raíces. Usando unha base metálica, unha capa de PVC e outra de feltro como soporte consegue que 30 plantas por metro cadrado crezan sen exceder os 30 kg de peso.
En Madrid o edificio Caixa Forum en pleno Paseo do Prado ilustra un exemplo de muro vexetal de 24 metros de altura, con 15.000 plantas de 250 variedades diferentes. En tellados, a permacultura ou o ecodiseño tamén van atopando solucións. Os tellados son tamén superficies infrautilizadas, agora máis valoradas como espazos para xerar enerxía solar, pero que ben poden servir para crear unha mellor atmosfera nas nosas cidades, como ocorre en Londres.
No Concello de Chicago non só o fan así senón que estudan o seu efecto: aforros de enerxía grazas á combinación de sombra, evapotranspiración e efectos do illamento, que se traducen nunha menor factura á hora de refrixerar o edificio de 3.600 dólares por ano. Tamén esperan ver melloras na calidade do aire pola redución do ozono e o smog, aínda que xa perciben a diferenza de temperatura entre a contorna do concello e o resto da cidade.
Etiquetas:
xardíns
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentarios:
Está claro que vimos da natureza, que somos natureza e que si non queremos perecer deberemos volver a convivir en paz coa natureza.
Publicar un comentario