13/11/09
Viveiros Horticina
A historia de Horticina remóntase ó a 2002, cando dous socios, o galego Miguel Mato e outro empresario suízo, aterraron en A Barqueira (municipio de Cerdido) buscando unha extensión suficiente para pór en marcha o seu viveiro. Fixérono nunha finca que antes estaba destina a unha explotación gandeira e que ofrecía as condicións necesarias. Adecuaron as instalacións, cultivaron camelias e esperaron tres anos a que estivesen listas para a venda. O temporal "Klaus" arruinou entón a súa entrada no mercado, o que obrigou a Horticina a dar un paso atrás para voltar a cultivar e esperar a medra das plantas.
De novo, a empresa está a preparar a súa fase de comercialización. Nese marco o viveiro recibiu a semana pasada a visita de dous importantes importadores británicos. Segundo explica Miguel Mato, Horticina xa realizara o seu labor de promoción comercial antes do "Klaus", en Holanda e Suíza, así como en varias feiras internacionais do sector. Non obstante, os empresarios intensifican de novo agora os seus contactos de cara a realizar o segundo intento de comercializar os seus produtos no ano 2011, cando estarán suficientemente medradas as plantas.
A recente visita dos importadores ingleses realízase no marco dun programa organizado pola Cámara de Comercio de Ferrol. A camelia, neste país e en outros de Europa, emprégase como unha planta de temporada, é dicir, a maceta tense dentro de casa durante uns meses e despois desbotase.
Os clientes esixen que cada planta teña unha altura determinada e un mínimo de seis flores, condicións que fan que para vender 20.000 plantas ao Reino Unido haxa que producir 50.000, explica Mato.
Horticina está a producir actualmente 260.000 plantas ao ano, se ben a intención da empresa é chegar a cultivar medio millón anuais. O viveiro de Cerdido optou pola especialización, porque o cultivo de especies diferentes é moi complicado. A camelia é, ademais, o produto estrela do sector en Galicia, de onde saen máis de dous millóns de unidades cada ano.
Fonte: www.diariodeferrol.es
1 comentarios:
Está ben, pero sería interesante ver imaxes dese lugar e ver como se organizan e como producen. A información en internet é moi importante, pero deberiades tamén buscar información pola vosa conta que aporte un punto de vista persoal.
Publicar un comentario